Hoxe rematou o Camiño de Santiago, dentro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, para un grupo 30 persoas usuarias da entidade de familiares de persoas con Alzhéimer, AGADEA que foron recibidas no Obradoiro por familiares e amigos. Tamén lles deu a benvida a directora xeral de Turismo, Nava Castro e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, así como a presidenta a asociación, Isabel Gey.
Todos destacaron a “experiencia vital” que supuxo este Camiño de Lembranzas para os camiñantes esta iniciativa que empezou no Mar de Arousa a través dunha travesía en galeón. Despois pasou polos concellos de Catoira, Pontecesures, Rois ata chegar a Santiago.
En todos os concellos foron recibidos con agarimo polos seus alcaldes que actuaron de anfitrións explicando a riqueza arquitectónica e medioambiental das súas vilas. A súa vez o grupo de AGADEA entrou en contacto coa veciñanza da zona, coas súas asociacións, como BATA, AMIPA, e cos mozos do lugar, como o colexio de Pontecesures e de Catoiro, onde realizaron actividades interxeneracionais.
Para as persoas usuarias de AGADEA supuxo vivir novas experiencias, estar en contacto con outras xentes, cos peregrinos de todas partes do mundo, coa cativada, coñecer vilas veciñas, interrelacionarse entre eles e valoraron moi positivamente esta actividade realizada da man do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.