Sobre O Alzhéimer

Alzhéimer

O Alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa que se caracteriza, principalmente, pola aparición lenta de síntomas como a perda de memoria, trastorno de conduta, alteracións da linguaxe ou desorientación no espazo e que evolucionan ao longo dos anos.

A enfermidade de Alzheimer é a demencia máis común. Segundo as últimas estimacións afecta a 800.000 persoas en España, 100.000 delas en Galicia.

O psiquiatra e neurólogo alemán Alois Alzheimer foi o primeiro en describila, no ano 1906, polo que se lle deu o seu nome.
En xeral diagnostícase en persoas maiores de 75 anos, a pesar de que cada vez se detectan máis casos de aparición precoz. A enfermidade dura entre 7 e 15 anos dende o diagnóstico.

Unha das súas particularidades é que aínda hoxe en día descoñécense as causas e, por este motivo, a investigación ten un protagonismo especial.

As demencias e o Alzheimer

A demencia non é unha enfermidade en si, se non que se trata dun termo que engloba ao conxunto de enfermidades que causan unha perda gradual e progresiva da memoria, o pensamentos e as habilidades mentais. 

Dentro destas enfermidades podemos atopar o Alzhéimer, enfermidade de Pick, demencia asociada á enfermidade de Parkinson, etc.

Cada tipo de demencia presenta unha serie de síntomas específicos, pero pódense observar unha serie de aspectos que soen ser semellantes en todas:
1- Perda de memoria: Isto pasa sobre todo arredor dos sucesos máis recentes. Trátase do síntoma máis común pero para que a persoa sexa diagnosticada desta enfermidade débese cumprir:
2- Dúas ou máis funcións básicas deben sufrir deterioro: É dicir, a persoa pode ter problemas de memoria, para expresarse ou comprender , para orientarse, etc..
3- Cambios de comportamento: Soen mostrarse irritables e con certa agresividade.
4- Nas últimas fases soen presentar problemas severos tanto físicos como intelectuais: perda da fala, incontinencia, inmobilidade, etc.

Sinais de advertencia

Cando unha persoa próxima ou algún familiar noso comeza a realizar algunha das seguintes accións é importante estar alerta pois poderían padecer Alzhéimer. É importante resaltar que cada persoa pode experimentar unha ou máis sinais e en diferentes graos.

1º Cambios na memoria que dificultan a súa vida cotiá.
É unha das sinais máis comúns, especialmente nas primeiras etapas da enfermidade. Esquecerse de información que se lles acaba de proporcionar; de datas e eventos importantes; pedir a mesma información de xeito repetido, etc.

2º Dificultade para planificar ou resolver problemas. Algunhas persoas poden vivir cambios na súa habilidade de desenvolver e seguir un plan ou traballar con números. Por exemplo, dificultades á hora de seguir algunha receita ou de manexar as contas mensuais, que ata o de agora non supoñía ningún tipo de problema.

3º Dificultade para desenvolver tarefas habituais no fogar, no traballo ou no seu tempo libre
A miúdo a estas persoas resúltalles difícil completar tarefas do seu día a día. Por exemplo, problemas para chegar a un sitio coñecido, realizar dunha maneira axeitada as tarefas do fogar, etc.

4º Desorientación espazo-temporal
Esquecerse de datas, non recoñecer en que estacións nos atopamos ou non darse conta do paso do tempo. Existe a posibilidade de que se esquezan en ocasións de onde están e como chegaron alí.

5ºAparición de problemas co emprego de palabras na fala e no escrito
Poden presentar dificultades á hora de seguir ou participar nunha conversa. Tamén é posible que realicen pausas moi longas no seu discurso porque non saben como seguir ou que repitan reiteradamente o mesmo. Tamén soen mostrar un gran esforzo por encontrar a palabra axeitada ou polo contrario que chamen ás cousas por un nome incorrecto.

6º Colocación de obxectos fóra de lugar
É moi frecuente que a persoa coloque un obxecto nun lugar que non é o seu habitual, non recordando onde o deixou.. Co paso do tempo é posible que acusen a outras persoas por haber roubado dito obxecto.

7º Diminución ou falta de bo xuízo
É posible que poidan experimentar cambios no xuízo ou na toma de decisións. Por exemplo, mostrar desinterese no aseo persoal, pagar cantidades desmesuradas por algún produto que lle ofrecen, etc.

8º Perda da iniciativa para formar parte das actividades sociais
É moi probable que a persoa perda o interese por formar parte de actividades sociais que antes realizaba dun xeito normalizado, chegando a evitalas polo cambio que experimentou.

9º Cambios no humor ou na personalidade
É moi frecuente que o seu humor ou personalidade cambie. Podendo chegar a sentirse confusas, sospeitosas, temorosas, ansiosas… É moi probable que se anoxen con facilidade no fogar, coas súas amizades ou en lugares onde se atopan fóra do seu ambiente

Preguntas máis frecuentes sobre a enfermidade

Falamos de demencia cando a persoa experimenta unha serie de síntomas que implican a perda gradual e progresiva da memoria, pensamento e habilidades mentais en xeral. Polo tanto a demencia non pode ser considerada unha enfermidade en si, se non un termo que engloba diversos tipos de enfermidades, entre elas a de Alzheimer, sendo a máis común.

Na actualidade a causa é descoñecida. Porén, segundo os últimos estudos científicos móstranse evidencias de que é unha enfermidade de orixe multifactorial. A pesar disto cada vez estase insistindo máis nun compoñente de carácter xenético.

Non podemos dicir que exista unha predisposición maior a padecela se pertences a un sexo ou a outro. Porén, segundo diversas estatísticas, é maior o número de mulleres que a padecen, pensando principalmente que é debido a maior esperanza de vida deste sexo.

Tan só en casos aillados – aproximadamente un 10%- a enfermidade é familiar, en dito caso a posibilidade de que un fillo/a sexa portador da alteración xenética que provoca a enfermidade é dun 50%. No resto de casos, a inmensa maioría, a enfermidade considerase esporádica, é dicir, a súa aparición non depende de que haxa casos na familia ou non.

Na actualidade non existe unha forma demostrada para previlo. Si que se fala sobre a importancia de exercitar a memoria durante o transcurso da vida.

● A onde acudir cando diagnostican ao noso familiar de Alzheimer?
AGADEA pon a súa disposición unha serie de centros de diverso carácter co fin de darlle ao seu familiar a atención que requira.
O primeiro que ten que facer é contactar con AGADEA

Pautas básicas a seguir cunha persoa con Alzheimer

Cando a persoa é diagnosticada de Alzhéimer, é axeitado seguir unha serie de pautas que faciliten a comunicación con ela. Isto é así posto que deberemos manter a función comunicativa no seu máximo grao posible, tanto no aspecto expresivo como no comprensivo.
A continuación mostraranse unha serie de estratexias que faciliten tanto a expresión como a comprensión destas persoas:

Estratexias para facilitar a expresión.

Mirar directamente aos ollos da persoa, creando así un contacto visual, proporcionándolle así tranquilidade e mostrándolle que a estamos a escoitar.
Importante prestar atención ao ton de voz, xa que nos permitirá interpretar algunha das súas emocións.
Escoitala activamente e con empatía, mostrando interese no que di e nos seus sentimentos.
Se nos resulta difícil comprender o que nos está a dicir, é conveniente facerllo saber e animala a que o explique doutro xeito.
Agudizar a comunicación non verbal (un sorriso, unha caricia..) para reforzar a comunicación verbal o para comunicarnos con ela cando non poida entender as palabras.

Estratexias para facilitar a comprensión.

Comezar as conversacións identificándonos e dirixíndonos a persoa polo seu nome, co fin de orientala e facer que nos preste atención.
Falar a un ritmo normalizado, con claridade, con amabilidade e paciencia. Preferible un ton de voz algo baixo, co obxectivo transmitir unha sensación de calma.
Empregar palabras e oracións cortas, simples e coñecidas. Importante o uso de nomes en vez de pronomes cando nos refiramos a outras persoas.
Reforzar a linguaxe xestual, utilizando moito a expresión facial e os diferentes tons de voz.
Ao pedir unha cousa, explicarllo da maneira máis sinxela posible e secuenciando as instrucións en pasos claros e simples. Evitar dar ordes directas
Acompañar as nosas preguntas ou mensaxes sinalando ou tocando as cousas.