Hoxe abriu en Cuntis un novo Servizo de Estimulación Terapéutica para persoas con demencia grazas a colaboración de Agadea Alzhéimer e o Concello de Cuntis que alinearon as súas forzas buscando mellorar a calidade de vida das familias da zona.


O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destacou a importancia deste centro para que as familias do concello reciban terapias de estimulación e “manteñan durante o maior tempo posible a súa calidade de vida”. Pola súa banda a responsable de AGADEA na zona, Sonia Castro asegurou que este tipo de terapias de estimulación cognitiva “é unha forma de levarlle a dianteira á demencia” e agradeceu as sinerxias co concello, e co co centro de saúde da localidade. Tamén estivo presente na inauguración a concelleira de Servizos Sociais, Ana Fuentes, un departamento que prestou un apoio clave para poder levar este proxecto a cabo.


O centro situado na Praza Constitución Nº 4, conta cun amplo horario, de 16.30 a 19.30 horas, os luns, mércores e venres. Está dirixido a persoas maiores con deterioro cognitivo, e persoas con demencias neurodexenerativas.
O obxectivo destas terapias é retardar o deterioro que provoca a enfermidade traballando a memoria, a orientación e a linguaxe. Ao mesmo tempo estamos mellorando a súa calidade de vida e as relacións interpersoais. Unha intervención rápida vai permitir que as persoas respondan mellor ás terapias de estimulación cognitiva, que desenvolvan métodos de compensación , e que se ralentice o progreso da doenza. Profesionais expertas de AGADEA serán as encargadas destas terapias, que se desenvolven co apoio do departamento de Servizos Sociais do concello. Tamén se estableceron sinerxías cos profesionais do Centro de Saúde da localidade, que apoian a iniciativa.


As familias que forman parte de AGADEA contan, ademais, con servizos gratuítos, como asesoramento sobre trámites legais, información dos recursos sociais dispoñibles, Escola de Familias e formación, entre outros. De feito, neste mesmo mes estase levando a cabo un ciclo de charlas que ten como fin ‘coidar ao coidador’, outro dos eixes sobre os que xira o traballo da asociación. O día 23 de marzo terá lugar a charla ‘Ferramentas de apoio na xestión persoal de persoas con demencia’, do experto en mediación familiar e xestión da intelixencia emocional, Miguel Ángel Gómez, un ciclo que se estenderá en abril.