Santiago de Compostela conta dende agora cun novo órgano que servirá para garantir a participación do colectivo de persoas maiores na vida da cidade.
Trátase do recén creado Consello Muncipal de Persoas Maiores, do que forma parte activa AGADEA. A nova iniciativa foi impulsada pola Plataforma de Pensionistas de Santiago de Compostela e, polo momento conta con entidades como Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER coruña), Fundación Down Compostela, Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), UGT e os Grupos Políticos Compostela Aberta, Grupo Popular de Santiago, PSOE e BNG.

O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, presidiu a sesión constitutiva deste Consello Municipal de Persoas Maiores. Tras a constitución formal deste órgano, o rexedor salientou que se trata «dunha oportunidade estupenda de dar voz e protagonismo a unha parte moi importante da nosa sociedade». Ademais, Sánchez Bugallo recordou que «máis do 20% dos cidadáns de Santiago e do 30% en Galicia teñen máis de 65 anos», o que implica «mirar o tema do envellecemento dunha forma completamente diferente a como se facía hai 30 ou 40 anos», e facer que este sector da poboación sexa «activo e en certo sentido productivo para a sociedade».

Entre estas as funcións deste órgano destacan as de promover a realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago, cuxos resultados sirvan de base para propostas de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo e prestar apoio e a asistencia; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, públicas ou privadas, para que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Foto: Concello de Santiago