Atendendo aos requerimentos da autoridade competente, AGADEA, pecha todos os seus centros de traballado y cesa as súas actividades ata o día 30 de marzo. 

Reproducimos, a continuación, as medidas comunicadas polo presidente da Xunta de Galicia:

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o xoves, 12 de marzo, a Comisión interdepartamental, na que se validou o documento coas medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus, competencia da Comunidade. Estas medidas foron publicadas hoxe venres no Diario Oficial de Galicia,de forma extraordinaria, e terán unha vixencia de 14 días.

Feijóo referiuse a suspensión de todas as actividades dos centros de día –sexan de maiores, de protección de menores ou de discapacidade-; das actividades dos centros ocupacionais, dos puntos de atención á infancia, das escolas infantís, de ludotecas e doutros espazos infantís; así como das residencias de tempo libre, dos albergues xuvenís e espazos xoves.

No referente aos centros residenciais, Feijóo precisou que estes continuarán prestando servizo, coa limitación das visitas, ademais da recomendación de non facer actividades dentro dos centros.

No eido do transporte público, así como das súas infraestruturas, o titular da Xunta desaconsellou o seu uso aos grupos de poboación especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias, ás persoas que convivan con estes grupos, así como ás mulleres embarazadas.

En relación ás actividades de ocio, culturais e similares, cómpre salientar que se limita a un máximo de 500 persoas os eventos que se celebren en recintos pechados e a 1.000 os que teñan lugar ao aire libre. “Deste xeito, nunha sala de 900 persoas de aforo máximo poderán estar 300. Sempre, polo tanto, que non se superen as 500 persoas e sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado”, dixo, precisando que esta limitación non afectará a espazos pechados cun aforo igual ou inferior a 50 persoas, xa que neste caso si se poderán celebrar estes actos, coa recomendación de aplicar as medidas de distanciamento.

“Estamos a falar, en definitiva, de medidas preventivas que implementamos porque cremos que é o mellor para a sociedade galega, para todas as persoas que residen en Galicia ou que están na Comunidade neste momento”, abundou, afirmando que o Goberno galego seguirá traballando en todas as frontes para minimizar o impacto do COVID-19.

“E seguiremos traballando desde a cooperación, a coordinación e a colaboración estrita co Ministerio de Sanidade, conscientes de que estamos nunha situación extraordinaria que precisa de medidas extraordinarias”, dixo, facendo un chamamento á comprensión e responsabilidade de todos os cidadáns, empresas, institucións, etc.

Feijóo reiterou unha vez máis o agradecemento a todos os profesionais sanitarios que están en primeira liña traballando para intentar diminuír o contaxio deste virus, que está poñendo nunha situación de dificultade a todos os países.