AGADEA ALZHÉIMER logrou cumprir o obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza cunha unha gran marea verde de camiñantes. Unha semana antes as prazas estaban completas e o venres 26 de agosto familias enteiras xuntáronse en Ribeira para percorrer os oito quilómetros da Andaina ‘Os Camiños da Memoria’.


A presidenta de AGADEA, Isabel Gey, a concelleira de Servizos Sociais, Ana Isabel Barreiro e o influencer Rogelio Santos Queiruga, foron os encargados de dar a saída. Precisamente, Rogelio Santos, de Queira, en Porto do Son, causou balbordo entre os participantes. El é unha persoa moi recoñecida polo seu gran labor como divulgador das riquezas do mar no seu traballo diario como pescador.

Outro dos pratos fortes da andaina foi o mural realizado polas persoas usuarias do Centro de día Alzhéimer de Ribeira. O seu excepcional traballo viuse recoñecido coas ducias de fotos dos camiñantes. Pola súa banda, o grupo Tahúme animou toda a tarde coa súa música e o Parque García Bayón converteuse nunha festas.

A andaina, organizada coa colaboración do concello de Ribeira e con Eduardo Iglesias, de Arousa Neo, como director técnico, contou co apoio directo de veciños e de máis de 50 pequenos comercios da zona. Todos quixeron colaborar, e os que non puideron economicamente fixérono con agasallos que foron sorteados, comida e bebida para o avituallamiento ou como voluntarios, como a Asociación de Amas de Casa de Ribeira.

Outros colectivos como grupos de atletismo, de música como Ultreia, Leite con Jalletas, as `praceiras´da zona achegaron tamén o seu gran de area. Tamén o fotógrafo profesional Lisardo Vilar, veciño da zona, colaborou unha vez máis coa actividade, como vén sendo habitual nos dende o inicio das andainas. Outros o fixeron co Dorsal 0.
En definitiva foi unha gran acción de convivencia veciñal coa que AGADEA cumpriu o seu obxectivo de sensibilizar sobre o Alzhéimer e potenciar actividades de vida saudable.