Agadea Alzheimer convida a aproveitar esta data para dar un impulso á participación no certame, promovendo non só a creación literaria infantil en galego, senón tamén unha maior concienciación sobre as demencias e a importancia de preservar os recordos

BASES DO PREMIO DE LITERATURA INFANTIL SIMBAD PARA O RECORDO E O ALZHEIMER 2025
Santiago de Compostela. 20 de febreiro de 2025. Con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro, o vindeiro 23 de febreiro, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con demencia tipo Alzheimer (Agadea Alzhéimer) anima a escritores e escritoras a participar na IV edición do Premio de Literatura Infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’.
Esta iniciativa, cuxa convocatoria se abriu o pasado 6 de febreiro, busca sensibilizar á infancia sobre o alzhéimer e outras demencias a través da literatura.
O certame está aberto a textos orixinais e inéditos en lingua galega, dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As obras poden pertencer a diversos xéneros da literatura infantil, como novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada ou novela gráfica. Os textos deben abordar, de maneira sensible e creativa, temáticas relacionadas coa memoria, a identidade, o coidado e a importancia dos recordos, en consonancia coa misión de Agadea.
As persoas interesadas teñen ata o 1 de xullo de 2025 para enviar os seus manuscritos ao enderezo electrónico agadea@agadea.org. O gañador ou gañadora do certame recibirá un premio de 3.000 euros, e Agadea comprométese a adquirir 100 exemplares da obra premiada para axudar na súa edición, que estará aberta a calquera editorial. Ademais, distribuiranse exemplares en bibliotecas de colexios para fomentar a lectura e a concienciación sobre o alzhéimer entre a mocidade.
O fallo do xurado darase a coñecer en setembro, coincidindo co Mes do Alzhéimer. As bases completas do premio están dispoñibles na páxina web: www.agadea.org
Agadea Alzhéimer convida a toda a comunidade literaria a aproveitar a celebración do Día de Rosalía de Castro para inspirarse e participar neste certame, promovendo a creación literaria infantil en galego e contribuíndo á concienciación sobre as demencias e a preservación dos recordos.
- O premio, convocado pola entidade Agadea Alzhéimer e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, está dotado con 3000€ e está aberto a textos orixinais e inéditos, escritos en lingua galega que se poderá presentar dende hoxe ata o día 1 de xullo de 2025.
- O fallo farase público en setembro, Mes do Alzhéimer. As bases están dispoñibles en www.agadea.org
- Tamén existe o compromiso de publicación da obra premiada, así como doación de exemplares ao colexios.