
Santiago, 19 de febreiro de 2025. A Asociación cultural galega de formación permanente de adultos (ATEGAL), a Confederación galega de persoas con discapacidade (COGAMI) e AGADEA Alzhéimer son tres das nove entidades sociais que desenvolveron entre outubro de 2024 e xaneiro de 2025 o programa de Afundación «Coñecendo as emocións», con 136 persoas usuarias das súas organizacións, en 14 localidades galegas. A iniciativa levouse por primeira vez fóra dos espazos +60 Afundación tras ser testada, validada e implementada en tres edicións sucesivas nas que participaron 255 persoas de distintas localidades galegas, tanto rurais como urbanas. Codeseñado con persoas maiores, os resultados obtidos na investigación realizada por Afundación e Matia Instituto evidencian que o programa permite a mellora do benestar e a adquisición de competencias emocionais de quen participa.
SANTIAGO, RIBEIRA, A ESTRADA E ROIS
Desde ATEGAL Santiago, onde desenvolveron o programa con 9 persoas, valoran a importancia do espazo de intimidade que se creou co programa «estou orgullosa do grupo de respecto que formamos podendo traballar a nosa esfera emocional desde unha perspectiva innovadora», subliña Majo Fares, psicóloga facilitadora.
En AGADEA Ribeira, que contou coa participación de 9 persoas, Alba Iglesias subliña como psicóloga facilitadora «a aprendizaxe a nivel persoal e profesional». Nos seus beneficios abunda tamén desde a mesma función Taida Sánchez, de AGADEA na Estrada onde participaron 11 persoas, quen destaca que «o programa foi deseñado con gran sensibilidade e precisión, logrando adaptarse perfectamente ás necesidades das persoas maiores. Creo que os participantes non só levan coñecementos teóricos e ferramentas prácticas, senón tamén unha maior reflexión e introspección sobre as súas emocións, os seus sentimentos e a súa maneira de afrontar situacións sociais e complexas».
No centro COGAMI de Rois participaron 8 persoas. Rosa María Bouzón, que actuou como psicóloga facilitadora incide en que «Coñecendo as emocións» tamén impactou nela: «persoalmente foi unha aprendizaxe e unha catarse. Considero necesario o poder pararse e pensar nas nosas emocións».
Un impacto positivo que subliñan as persoas usuarias das catro localidades, quen destaca o papel do programa no acompañamento e coñecemento persoal e en mellorar a vida das persoas. É o caso dunha das participantes de AGADEA na Estrada, quen incide en que «foi unha experiencia transformadora que me axudou a reflexionar e a cambiar a miña maneira de enfrontarme a moitas situacións. Ten o poder de marcar unha diferenza real na vida de quen participo». Ou o dunha das usuarias do centro de COGAMI en Rois que lembra como «todo o aprendido axudoume a xestionar un doo recente que cría non poder afrontar».
Tras estas experiencias, o próximo outono sumaranse novas entidades ao programa e en xaneiro de 2026 desenvolverase a segunda fase do proxecto, «Profundando as emocións», xa implantada nos espazos +60 Afundación. Esta proposta ten como obxectivo traballar emocións máis complexas como a soidade, a ansiedade ou a culpa a partir de situacións cotiás, buscar estratexias funcionais para abordalas e reflexionar sobre como mellorar as interaccións con persoas achegadas.
O PROGRAMA
Adquirir competencias emocionais, tamén despois de cumprir máis de 60 anos, é unha ferramenta de extraordinaria utilidade para a mellora do benestar. Así se desprende da investigación dos resultados do proxecto «Coñecendo as emocións», de Afundación, desenvolto en colaboración con Matia, instituto xerontolóxico de referencia en España na materia e con máis de 20 anos de traxectoria. Tras compartir estas conclusións con distintas entidades ás que se convidou a participar no programa, desenvólvese agora unha nova etapa que permitirá estender os seus beneficios ás persoas usuarias das organizacións participantes.
En palabras da coordinadora da área de Maiores de Afundación, Sabela Couceiro, «o que procuramos na Obra Social de ABANCA é, tras este percorrido realizado, compartir aprendizaxes con outras entidades e xerar unha rede en Galicia de axentes sociais do ámbito do envellecemento activo e saudable con interese en traballar a mellora do benestar emocional das persoas a medida que envellecemos».