BASES DO PREMIO DE LITERATURA INFANTIL SIMBAD PARA O RECORDO E O ALZHEIMER 2025

  • O premio, convocado pola entidade Agadea Alzhéimer e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, está dotado con 3000€ e está aberto a textos orixinais e inéditos, escritos en lingua galega que se poderá presentar dende hoxe ata o día 1 de xullo de 2025.
  • O fallo farase público en setembro, Mes do Alzhéimer. As bases están dispoñibles en www.agadea.org
  • Tamén existe o compromiso de publicación da obra premiada, así como doación de exemplares ao colexios.

Santiago de Compostela. 6.02.2025. O secretario xeral de Política Ligüística, Valentín García, acompañado da presidenta de Agadea Alzhéimer, Isabel Gey e os escritores, Francisco Castro e Ánxela Gracián, presentaron hoxe en Santiago de Compostela a IV edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer.

O obxectivo deste premio é sensibilizar e dar o coñecer o Alzhéimer entre a cativada así como establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións. A entidade considera necesario ofrecerlle á cativada as ferramentas para entender a doenza e que ser capaces de adaptarse a ela e desfrutar da relación cos avós e avo, ou persoas que estén pasando por esta situación.

O xurado do Premio Simbad está composto polos escritores, Francisco Castro, que ademáis é o presidente ad honorem do mesmo, e Ánxela Gracián, que actúa como secretaria do galardón.

En 2024, recibiron o galardón a escritora Irene Alonso Gasalla e a ilustradora Ángela María Curros Sayáns, pola obra ‘O nobelo de Nenuca’. O xurado destacou “a imaxe simbólica do nobelo como fío condutor que tira da imaxinación da avoa para ir tecendo os distintos recordos”.

Como en edición anteriores, Agadea comprométese á publicación da obra premiada, así como a doación de exemplares ás bibliotecas de colexios, entre eles o Divino Maestro, Raiña Fabiola e Cluny de Santiago, e o Heroína de Sálvora, Sagrado Corazón, Carreira, Palmeira, da zona do Barbanza. Tamén no colexio de Vedra e o do Foxo e o Cabada Vázquez da Estrada.

Bases do premio 2025

O prazo de presentación de solicitudes iniciase hoxe día 6 de de febreiro e remanta o 1 de xullo do 2025.

A este certame poderanse presentar todos aqueles textos orixinais e inéditos pertencentes a calquera dos xéneros propios da literatura infantil dende novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada e novela gráfica, escritos en lingua galega.

O xurado dará a coñecer o seu veredito en setembro, con motivo do Mes do Alzhéimer.  O galardón está dotado con 3000 €.

Agadea comprará 100 exemplares, para a axuda á edición, que queda aberta a calquera editorial.

As bases do premio están dispoñibles na páxina web de Agadea Alzhéimer: www.agadea.org, así como noutras plataformas habituais de referencia de premios.

Agadea Alzhéimer conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, así como co apoio das respectiva concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos nos que a entidade presta os seus servizos.