A entidade repartiu pequenas casas artesanais e elementos decorativos feitos polas persoas usuarias nos obradoiros de laborterapia que leva a cabo en concellos das provincias da Coruña e Pontevedra
Esta campaña busca concienciar sobre o Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas, ademais de reforzar os vínculos das persoas maiores coa comunidade
Santiago, 23 de decembro de 2024. A asociación Agadea Alzheimer está desenvolvendo unha iniciativa solidaria estas semanas, repartindo entre máis de 150 comercios da comunidade autónoma, adornos feitos a man polas persoas usuarias da entidade nos seus obradoiros de laborterapia.
Un dos aspectos máis salientables desta campaña é que as entregas dos detalles se fan directamente en cada un dos comercios participantes, o que reforza o contacto das persoas coa súa contorna e axuda á súa socialización.
Para darlle aínda máis difusión a esta iniciativa, en paralelo, estase a desenvolver unha campaña nas redes sociais para promover o apoio ao pequeno comercio e sensibilizar á xente sobre a realidade do Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas.
A entidade subliñou, especialmente, a importancia de «reforzar os lazos das persoas maiores coa comunidade na que viven» e tamén de dar «máis visibilidade aos negocios locais».