Máis de 600 persoas maiores e con deterioro reciben atención nos concellos rurais onde Agadea está implantada en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural
“Vivir no rural e do rural é posible e merece a pena” Así o defendeu o martes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa intervención na entrega dos XV Premios ao Desenvolvemento Rural. Neste evento, María José Gómez trasladou os seus parabéns aos premiados e finalistas destes galardóns e resaltou as súas traxectorias que, destacou, “encaixan perfectamente cos valores, a filosofía e os criterios de actuación que promovemos desde a Consellería do Medio Rural”.
Nesta liña, dentro do apartado de Proxectos de interese social, a Conselleira enxalzou a contribución de Agadea Alzheimer na mellora da calidade da vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e as suas familias, dando especial valor ao desenvolvemento rural nos concellos de baixa densidade de poboación.
En representación da entidade, recolleron o premio a súa vicepresidenta, Belén Porta, e a vocal da Xunta Directiva, Chus Senín.
Máis de 600 persoas maiores e con deterioro reciben atención nos concellos rurais onde Agadea está implantada, en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela e DELOA. Un servizo que xunta programas de rehabilitación innovadores e de grande impacto, para que o rural deixe de ter áreas con déficit de intervención sobre estes colectivos.
O problema do envellecemento sumado ao éxodo que dende hai anos está ameazando ao rural son condicionantes do despoboamento actual das vilas e aldeas de Galicia. Neste senso, o compromiso de AGADEA dende 1994 é a busca constante de solucións e respostas innovadoras ós problemas que se van presentando, xerando un impacto transformador nas vidas dos que máis o necesitan, tratando de reducir as desigualdades e garantindo a boa saúde e benestar das persoas do rural, evitando a precarización da súa calidade de vida, consolidando os servizos básicos de atención en todas as vilas e aldeas de Galicia, tecendo redes coas entidades públicas, privadas e sociais dos concellos da contorna.