- O convenio entre Concello e a Agadea Alzhéimer foi presentado hoxe polo alcalde, Anxo Arca, e a presidenta de Agadea, Isabel Gey
- Profesionais de Agadea prestarán o servizo na casa dos capeláns de Padrón tres días por semana
- Durante este mes, a neuropsicóloga da asociación está valorando ás persoas interesadas
![](https://www.agadea.org/wp-content/uploads/2024/12/20241205_Padron_Agadea_presentan_servizo_Estimulacion_Terapeutica-3-2-1024x683.jpg)
Padrón contará a partir do vindeiro 16 de decembro cun novo servizo de estimulación terapéutica para persoas con Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. O alcalde, Anxo Arca; a concelleira de Servizos, Mariló Saco; a presidenta de Agadea Alzhéimer, Isabel Gey, e a coordinadora da área de Santiago da asociación, Lucía Fandiño, presentaron hoxe no concello da localidade o servizo, que se prestará na Casa dos Capeláns, en Iria Flavia, durante tres días por semana. Inicialmente está previsto a tender a entre 8 e 10 persoas.
Este servizo ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, así como fomentar as relacións interpersoais, ao mesmo tempo que contribúe ao respiro familiar. Conta con profesionais de fisioterapia, psicoloxía, educación social, traballo social e persoal xerocultor. A primeira das accións serán as valoracións de preingreso que xa se están a levar a cabo pola neuropsicóloga e a traballadora social da entidade, en colaboración cos servizos sociais do concello.
Anxo Arca destacou na súa intervención a “sensibilización” que existe no equipo de goberno pola problemática social, e destacou que “este novo servizo que se vai poñer en marcha agora por primeira vez axudará a moitas familias”.
“Este novo servizo que se vai poñer en marcha agora por primeira vez axudará a moitas familias”
Nun senso similar se expresou a concelleira Mariló Saco, que resaltou que a estimulación terapéutica “vai mellorar a calidade de vida de moitas persoas que empezan con procesos de demencia, e vai ser beneficioso, tamén, para as súas familias”.
Anxo Arca, alcalde de Padrón
Desde Agadea Alzheimer, a súa presidenta, Isabel Gey, puxo en valor «a estreita colaboración da entidade cos servizos sociais do concello e o Centro de Saúde da localidade, que permitiu a apertura deste novo servizo». Neste sentido, Lucía Fandiño, coordinadora do Área de Santiago de Compostela, destacou como con este novo servizo «Agadea vai a poder implantarse nun concello onde xa existía unha alta demanda de persoas que querían ser atendidas no seu propio municipio».
«Existe unha estreita colaboración de Agadea Alzheimer cos Servizos Sociais do concello»
Isabel Gey, presidenta de Agadea Alzheimer
Este novo servizo de Estimulación Terapéutica ten a súa sede en A Casa dos Capelláns, en Iria Flavia, ofrecendo servizo os luns, mércores e venres en horario de 10 a 13h. As persoas interesadas poden recibir máis información en Servizos Sociais do Concello de Padrón (t. 981 817 025) ou en Agadea Alzheimer (t. 722 743 092).
“Estamos seguros de que esta atención especializada de profesionais de Agadea Alzhéimer axudará a retrasar e enlentecer o avance da demencia”. O servizo de estimulación terapéutica “nace con vocación de continuidade”, dixo Mariló Saco, que engadiu que “dentro das posibilidades do Concello, e se fose necesario, intentaremos amplialo para que haxa sesións todos os días e poder atender as persoas que o precisen”.
“O obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e enlentecer o avance da enfermidade”
Mariló Saco, concelleira de Servizos
Por outra banda, profesionais de Agadea Alzhéimer mantiveron esta semana unha reunión con profesionais do centro e saúde de Padrón para informarlles da posta en marcha deste servizo e, deste xeito, poder traballar de forma coordinada para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia de Padrón.
Nos próximos días, Agadea Alzheimer tamén levará a cabo a súa tradicional campaña de Nadal nos distintos establecementos da localidade.
![](https://www.agadea.org/wp-content/uploads/2024/12/20241205_Padron_Agadea_presentan_servizo_Estimulacion_Terapeutica-1-1-1024x683.jpg)
![](https://www.agadea.org/wp-content/uploads/2024/12/20241205_Padron_Agadea_presentan_servizo_Estimulacion_Terapeutica-2-683x1024.jpg)