A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea),  entregou este xoves no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela o III Premio de Literatura Infantil “Simbad para o Recordo e o Alzhéimer”. O premio, que está dotado con 3000 euros e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, foi entregado xunto cun ramo de flores para homenaxear ás autoras gañadoras.

Recibiron este ano o galardón, a escritora Irene Alonso Gasalla e a ilustradora Ángela María Curros Sayáns, pola obra O nobelo de Nenuca. O xurado, do que formaron parte nesta edición a presidenta de Agadea, Isabel Gey, a escritora Fina Casalderrey, a profesora e crítica literaria Blanca-Ana Roig Rechou, o poeta e artista plástico Baldo Ramos e o escritor Francisco Castro, presidente honorífico do premio, destacou “a imaxe simbólica do nobelo como fío condutor que tira da imaxinación da avoa para ir tecendo os distintos recordos”. A obra A avoa canta como a cotovía, deCelia Díaz Núñez, obtivo este ano un accésit “pola súa calidade lingüística impecable e o achegamento ao patrimonio oral”, subliñou Ánxela Gracián, secretaria do Premio Simbad, mentres anunciaba dende o escenario os nomes das vencedoras escritos no fallo do xurado.

A Editorial Galaxia presentou o libro Sucos, gañador do II Premio Simbad

Ademais da entrega do galardón desta terceira edición, a Editorial Galaxia presentou durante o acto o libro Sucos, de Ignacio Vidal Portabales, gañador do premio en 2023, ilustrado por Sandra Lodi.  Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia, destacou o xeito emotivo co que está contada a historia de Moncho, que coa complicidade da súa neta Aldara e do seu gato Puskas, decide levar a cabo unha serie de proxectos que devolverán a esperanza á súa aldea. Dúas usuarias do centro terapéutico de Agadea en Vedra, Carmen Pérez Sinde e Amelia Fernández Dobarro, leron sobre o escenario algunhas pasaxes do libro. 

Ao acto asistiu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, quen felicitou ás autoras premiadas e agradeceu “o inmenso traballo do xurado e da organización de Agadea para sacar adiante unha nova edición do Premio Simbad”.

A música do Ensemble ConcertArt, que leva a cabo desde o ano 2016 o proxecto social e solidario SanArte, pechou o evento interpretando dúas pezas de música tradicional galega con un cuarteto de dous violíns, unha viola e un violonchelo.

Un premio para concienciar, educar e gañar a solidariedade dos cativos

O obxectivo deste premio é sensibilizar e dar a coñecer o Alzhéimer entre os máis novos, e, grazas á literatura, establecer vínculos entre as distintas xeracións. A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer, considera necesario ofrecerlle á cativada este tipo de ferramentas para entender a doenza, ser capaz de adaptarse a ela e gozar así da relación cos avós ou persoas que estean pasando por esta situación.

A III edición do Premio “Simbad para o Recordo e o Alzhéimer”, supón a consolidación dun corpus específico de literatura infantil que aborda esta problemática para facela máis comprensible aos máis novos, aos que pretende concienciar e educar para gañar a súa solidariedade.

Agadea conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así como o apoio das respectivas concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos nos que a asociación presta os seus servizos, como os de Santiago de Compostela, Vedra, Trazo, A Estrada, Cuntis, e, na zona do Barbanza, en Ribeira, Boiro e Rianxo.