O Teatro Principal de Santiago de Compostela foi escenario, a pasada fin de semana, da gala coa que celebramos o trinta aniversario de Agadea e conmemoramos o Día Mundial do Alzhéimer.
Baixo o lema «30 anos ao voso lado», a emoción, as risas e os recoñecementos subiron ao escenario do teatro compostelán, da man do actor Antón Coucheiro «Cou» que levou o fío condutor da noite.
Un dos momentos máis destacados da gala foi o anuncio da gañadora do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. A pontevedresa Irene Alonso Gasalla recibiu o galardón polo seu conto O novelo de Nenuca.
O neurólogo Alfredo Robles Bayón, fundador de Agadea hai 30 anos, foi recoñecido como Socio de Honra, polo seu traballo e a súa dedicación ao longo das últimas décadas en prol da asociación.
Asistiron ao acto persoas de Compostela, Ribeira e A Estrada que foron recibidas pola presidenta de Agadea, Isabel Gey no Teatro Principal. Tamén estiveron presentes, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o Director Xeral de Maiores da Xunta, Antón Acevedo, e a alcaldesa da cidade de Compostela, Goretti Sanmartín.
Tamén se rendeu homenaxe ao labor altruísta, premiando aos voluntarios sénior e xuvenil Antonia Garabal Sánchez e Miguel Augusto Montes Assis, a quen lles entregou o galardón a usuaria de Agadea, María del Carmen Martínez acompañada da súa terapeuta Sara Liñares. Por último, os alumnos dos colexios Cluny, Monte dos Postes e Divino Maestro, tamén recibiron os seus respectivos recoñecementos pola súa colaboración na tarefa de sensibilización da enfermidade de Alzhéimer.
A música correu a cargo do Alo Django Trío e os nenos do colexio San Xosé de Cluny de Compostela interpretaron sobre o escenario a canción de Amélie.
Habilitouse, co gallo do aniversario de Agadea, unha Fila 0 na conta IBAN ES07 2080 0378 5730 4000 5297, onde se poden seguir realizando doazóns.