O próximo 20 de setembro, ás 19:30 horas, o Teatro Principal será o escenario dunha celebración moi especial: o 30º aniversario de AGADEA Alzheimer. O evento, baixo o lema «30 anos ao voso lado», promete ser unha emotiva xornada chea de sorpresas e recoñecementos. Haberá autobuses gratuítos dende Ribeira (saída ás 17.45 dende a Praza García Bayón- pasando por Rianxo) e dende A Estrada (saída ás 18.00h dende a Praza do concello).

Un dos momentos máis destacados da noite será o anuncio do gañador do Premio Simbad 2024. Tamén se renderá homenaxe ao labor altruísta, premiando á voluntaria senior e xuvenil que máis destacaron ao longo dos últimos anos. Ao mesmo tempo se poderá gozar dunha actuación interxeracional, que simboliza a unión entre xeracións na loita contra esta enfermidade.

Tamén se recoñecerá como Socio de Honra ao neurólogo Alfredo Robles, un dos fundadores de AGADEA hai 30 anos, cuxo traballo e dedicación foron fundamentais para a creación e o crecemento da asociación.

A gala será conducida polo recoñecido actor Antón Coucheiro, que se encargará de levar o fío condutor dun evento que, ademais de conmemorar tres décadas de traballo, servirá para reafirmar o compromiso de AGADEA coas persoas afectadas polo Alzheimer.

A entrada ao evento é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente. Para aqueles que desexen colaborar coa causa, habilitouse unha Fila 0 na conta IBAN ES07 2080 0378 5730 4000 5297, onde se poden realizar doazóns.

Este aniversario é unha oportunidade para que toda a sociedade se sume a esta causa e celebre xunto a AGADEA 30 anos de solidariedade, apoio e compromiso.