Hoxe, 300 persoas de 26 países do mundo camiñaron pola demencia dende o Monte do Gozo ata o Obradoiro. Ao grupo internacional «Walking for Dementia» uníronse persoas de toda Galicia pertencentes á Federación de Alzheimer (FAGAL) e a AGADEA Alzheimer, que foi a anfitrioa local.
Este movemento está a transformar a maneira en que se percibe e se vive a demencia en todo o mundo e ten por obxectivo demostrar que “hai vida despois do Alzheimer”. Durante a semana, un total de 80 persoas de 26 países participaron nesta iniciativa global. A andaina foi concibida como unha plataforma inclusiva que reúne persoas que viven con demencia, os seus coidadores, e profesionais do ámbito da saúde, creando un espazo para compartir experiencias e combater o estigma que rodea esta enfermidade.
O proxecto foi un punto de encontro para participantes de diversas culturas e disciplinas, quen, ao camiñar xuntos, forxaron conexións persoais e profesionais. Esta andaina non só serviu para construír pontes entre a atención, a investigación e a práctica clínica, senón tamén para ofrecer unha mensaxe poderosa sobre a importancia da inclusión e do apoio mutuo na loita contra a demencia.
Para culminar esta significativa xornada, hoxe ás 20:00 horas celebrarase o cóctel de inauguración do simposio, onde se espera que os participantes continúen intercambiando ideas e reflexións sobre como seguir avanzando na mellora da calidade de vida das persoas afectadas pola demencia e as súas familias.