Dez entidades sociais, entre elas AGADEA, principalmente vinculadas ao ámbito do envelleecemento activo, desenvolverán o próximo outono o programa de Afundación «Coñecendo as emocións», con persoas usuarias das súas organizacións. A iniciativa foi codeseñada con persoas maiores, testada, validada e implementada en tres edicións sucesivas nas que participaron 255 persoas de distintas localidades galegas, tanto rurais como urbanas. Os resultados obtidos evidencian que o programa permitiu a mellora do benestar e a adquisición de competencias emocionais das persoas participantes, segundo a investigación realizada por Afundación e Matia Instituto.
Un total de 17 psicólogas, membros dos equipos das organizacións que van incorporar o programa, participaron esta mañá no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela nunha sesión formativa inicial sobre a súa metodoloxía xeral. Durante a presentación, a coordinadora da área de Maiores de Afundación, Sabela Couceiro, subliñou que «o que procuramos na Obra Social de ABANCA é, tras este percorrido realizado, compartir aprendizaxes con outras entidades e xerar unha rede en Galicia de entidades sociais do ámbito do envellecemento activo e saudable con interese en traballar a mellora do benestar emocional a medida que envellecemos».
O programa iniciarase entre os meses de setembro e outubro en 17 localidades de toda Galicia. Debde AGADEA Alzhéimer se porá en marcha na Estrada e Ribeira.
Adquirir competencias emocionais, tamén despois de cumprir máis de 60 anos, é unha ferramenta de extraordinaria utilidade para a mellora do benestar. Así se desprende da investigación dos resultados do proxecto «Coñecendo as emocións», de Afundación, desenvolvido en colaboración con Matia, instituto xerontolóxico de referencia en España na materia e con máis de 20 anos de traxectoria. Tras compartir estas conclusións no mes de febreiro con distintas entidades ás que se convidou a participar no programa, iníciase agora unha nova etapa que permitirá estender os seus beneficios ás persoas usuarias das organizacións participantes.