Expertos no ámbito da dependencia de España e Italia congregáronse en Rianxo para abordar novas metodoloxías na Formación Profesional e o acompañamento de persoas dependentes. A primeira sesión do Encontro Transnacional Erasmus + CARE4YOU, liderado polo IES Félix Muriel, con Agadea Alzheimer e a entidade italiana Mestieri Lombardía, marcou un fito na procura de solucións innovadoras para a formación dos profesionais de atención a persoas con dependencia.

O encontro foi inaugurado polo director xeral de maiores e atención sociosanitaria, de  a consellería de Política Social, Antón Acevedo.  E contou coa asistencia do alcalde de Rianxo, Julián Bustelo. Ante un numeroso público,  formado por estudantes, entidades sociais, profesionais e familas, o director do IES Félix Muriel, Ramón Veiga, destacou a necesidade de “desenvolver novas habilidades no campo da atención a persoas en situación de dependencia”. Así puxo en valor a nova figura profesional de ‘Auxiliar coterapeuta’, na cal se está traballando nestas xornadas e que pretende completar a formación dos coidadores e coidadoras, poñendo especial enfasis na importancia dos coidados especializados.

Isabel Gey, presidenta de Agadea Alzheimer, e Stefano Radaelli, de Mestieri Lombardia, coincidiron na importancia de identificar as necesidades dos futuros profesionais do sector para proporcionarlles unha formación adecuada e centrada nas necesidades das persoas dependentes. No encontro tamén participou o científico Carlos Spuch, Investigador R4 do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) coa pontencia ‘Novas fronteiras na Enfermidade de Alzhéimer’ na cal  ofreceu unha visión clara sobre o progreso e os desafíos na investigación desta enfermidade.
Spuch subliñou un fito recente no campo da neurociencia: “a aprobación por parte da FDA dos primeiros fármacos para tratar a enfermidade de Alzheimer nas súas fases temperás”. Este logro é o resultado de anos de avances científicos que “abriron novas vías de investigación” e permitiron unha “comprensión máis profunda da enfermidade”, explicou. O Dr. Spuch sinalou que, aínda que estes avances son prometedores, “aínda queda moito traballo por facer para garantir que os tratamentos cheguen a todas as persoas afectadas”, apuntou.

“Nos próximos anos abrirase unha pequena esperanza para tratar esta terrible enfermidade, pero para que cheguen a todos as persoas necesitaranse de moita investigación que forme á sociedade e prediga cal será o mellor fármaco para cada un”, asegurou.

O encontro concluíu coa intervención do director técnico da Fundación Estel de Llevant, quen compartiu o ‘Modelo de 3 Salut Mental: Os dereitos e as persoas no centro’, subliñando a importancia de poñer ás persoas no centro dos coidados e garantir os seus dereitos no ámbito da saúde mental.