AGADEA está a desenvolver con éxito o seu programa de Envellecemento Activo no Ensanche de Santiago de Compostela. Este servizo, que beneficia a 36 persoas na zona, é parte dunha iniciativa máis ampla que envolve a máis de 200 persoas nas zonas nas que temos presencia.

Os talleres de Envellecemento Activo, en colaboración conxunta co Concello de Santiago son impartidos pola neuropsicóloga Taida Sánchez e teñen como obxectivo principal mellorar e manter as capacidades físicas, cognitivas e sociais das persoas maiores, retrasando así a aparición de doenzas asociadas ao envellecemento. No Ensanche, as sesións desenvólvense os luns en tres horarios distintos, adaptándose ás necesidades dos participantes.

O éxito deste programa radica non só na mellora das capacidades cognitivas e físicas dos usuarios, senón tamén na creación dun espazo de socialización e apoio mutuo. Entre as actividades destacadas inclúense estimulación cognitiva e funcións executivas, así como actividades lúdicas que fomentan a participación activa.

AGADEA continúa ampliando os seus servizos de Envellecemento Activo en diferentes localidades, reforzando o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas maiores en Galicia.

Para máis información sobre os horarios e os servizos dispoñibles, pode visitarse o sitio web de AGADEA ou contactar directamente coas súas oficinas en Santiago.