O director xeral de Maiores, Antón Acevedo, visitou hoxe Agadea LAB, o espazo innovador de encontro e acollida ás persoas que sofren demencias en estados iniciais, así como de apoio ás súas familias. Trátase, ademais, dunha incubadora de proxectos de novas tecnoloxías que teñen impacto social e na saúde, das persoas con Alzheimer.
Antón Acevedo estivo acompañado pola presidenta de AGADEA ALZHEIMER, María Isabel Gey, o xerente da entidade Faustino Rodríguez e a cordinadora do centro, Marisa Estalote. Acevedo conversou cos usuarios asistentes ao programa Activa-T, e as técnicas que lle explicaron as terapias que se imparten no centro.
En Agadea LAB converxen afectados en estados iniciais, persoas maiores que queren mellorar o seu coidado e familias. Así, trátase dunha oficina de acollida e apoio a persoas con demencia onde se tratan os primeiros síntomas a través de terapias non farmacolóxicas.
Tamén é un espazo de inclusión e envellecemento activo, onde se realizan talleres de estimulación preventiva, adestramento cognitivo, presentacións de temas orientados a que as persoas maiores poida coñecer as realidades incipientes. E outro dos puntos fundamentais nos que se basea Agadea LAB é o apoio ás familias para enfrontarse á enfermidade, a través dunha Escola de Familias e grupos de apoio mutuo.
Por outra banda, en Agadea LAB desenvolveranse proxectos innovadores que impacten en novas terapias de rehabilitación e atención, como un maior coidado ao coidador.