Ás sete da tarde partiu a VII andaina ‘Vos Camiños da Memoria’, de Agadea Alzheimer na Estrada, superando todas as expectativas de participación. Máis de 250 persoas uníronse á marea verde, que xa se consolidou como unha cita destacada do mes de setembro, o Mes do Alzheimer.
Nesta ocasión, a actriz estradende Chelo Do Rejo, actuou como madriña xunto con representantes do concello. O roteiro, preparado por SendeRuta, foi de intensidade media-baixa, discorrendo por contornas naturais da vila. Nela participaron familias, persoas maiores, colectivos e novos.
Durante as semanas anteriores todo o Centro de día de persoas maiores da Estrada involucrouse na súa organización; desde as persoas usuarias, ao cadro de persoal e a veciñanza. Tamén cabe destacar a colaboración do comercio local e do tecido empresarial: Reale Seguros na Estrada, Muebles Manuel Varela, Gadis… e ata 30 establecementos máis. Ademais do apoio económico realizaron achegas de alimentos para os petiscos, que puxeron fin á andaina. Así os participantes puideron gozar de empanadas, pan, froita, doces proporcionados por Mimela, Fogaza, Codesido, A Casa do Pan, Culinaria, Amifrut, Cervela e Froiz, entre outros.
O broche final ofreceuno o grupo de gaiteiros Decotío, mentres que a asociación xuvenil Ocionautas realizou actividades de sensibilización e concienciación.
Entre a ‘marea verde’ tamén tivo moito éxito o photocall, inspirado na vendima, así como un libro de recordos, no que se puideron deixar as impresións sobre un día tan especial.



















