Agadea pon en marcha o programa «Coidando na Igualdade», dirixido a mulleres coidadoras non profesionais de persoas dependentes que viven en zonas rurais de Galicia. Este proxecto, que se desenvolve entre setembro de 2023 e agosto de 2024, ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida destas mulleres, proporcionando ferramentas de apoio e empoderamento fronte ás esixencias emocionais e físicas do coidado de familiares con demencia ou outras enfermidades neurodexenerativas.
O programa, vaise levar a cabo en concellos como Trazo, Vedra, A Estrada, Cuntis e parroquias rurais de Santiago de Compostela, busca atender a un colectivo especialmente vulnerable: mulleres con responsabilidades familiares non compartidas que, en moitos casos, están desempregadas e en risco de exclusión social. «Coidando na Igualdade» centrará os seus esforzos en mellorar as habilidades de coidado, aumentar a autoestima das participantes, fortalecer as redes de apoio social e ofrecer orientación laboral e xurídica.
Unha das metas clave do proxecto é visibilizar a importancia da corresponsabilidade no coidado familiar, que tradicionalmente recae maioritariamente nas mulleres. Ademais, o programa tamén inclúe asesoramento xurídico para resolver dúbidas legais sobre a situación das persoas dependentes e os dereitos das coidadoras, así como mellorar as competencias dixitais das mulleres participantes, facilitando o seu acceso a recursos institucionais e ferramentas de autoxestión.
*Subvencións a entidades de iniciativa social para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade