Toña Garabal Sánchez, mestra xubilada e voluntaria en AGADEA, levou a cabo, entre o mes de xaneiro e xuño, o ‘Proxecto Piloto de Sensibilización cara ao Alzheimer‘ co alumnado de 3º de primaria do CEIP Divino Maestro en Santiago de Compostela. Tras seis meses dun marabilloso traballo Toña Garabal explícanos o proxecto e os resultados do mesmo:

«Cando na familia hai una persoa adoecida por unha operación quirúrxica, infarto, caída, etc. Ou simplemente por un trancazo ou constipado, a familia vese alterada na súa rutina porque ten que prestarlle mais atención a esa persoa. Nalgunhas ocasións non sabe como actuar e precisa que os responsables sanitarios lle den pautas que os pode guiar nese cometido. Esto mesmo ocorre cando esa persoa doente é un familiar que padece a enfermidade do Alzheimer. A familia ten que adaptarse a esa nova situación con mais ou menos éxito porque a súa vida vai dar un xiro para o que en moitas ocasións non están preparadas.  A familia sofre porque non pode seguir co equilibrio  e rutinas que tiña ata ese momento. Do mesmo xeito as relacións familiares vense alteradas así como a nivel anímico xa que tamén os cambios de ánimo van facerse patentes e aumentados en todos os membros da familia.

Os nenos e nenas que viven nese ambiente e sendo como son sensibles, non entenden o que pasa na casa, xa que non se lle presta a atención a que estaban acostumados. Así, séntense desorientados, esquecidos, desconcertados e nalgúns casos menosprezando e ridiculizando a esa persoa doente. Nestes casos necesitan información axeitada, proporcionándolles algunhas estratexias e habilidades que lles axuden entender e comprender o que ocorre na casa

Esto é o que motivou a realización deste proxecto de sensibilización cara o Alzheimer con nenos e nenas pequenos, concretamente co alumnado de 3º de primaria.

O obxectivo que se pretendía era sensibilizar ao alumnado cara a enfermidade do Alzheimer, e que acaden uns coñecementos necesarios e iniciais que lle permitan comprender, aceptar e saber tratar a aquelas persoas que poden padecer algunha enfermidade neurodexenerativa, neste caso o Alzheimer.

Dende o primeiro momento contouse coa sensibilización e entusiasmo do equipo do centro educativo onde se ía desenvolver este proxecto piloto, neste caso o CEIP Divino Maestro en Santiago de Compostela, así como da titora do 3º curso de primaria dna. Ana Rey cedendo do seu horario tempo para desenvolver o proxecto. O proxecto levouse a cabo dende xaneiro ata xuño unha vez ao mes durante 1h e media.

O proxecto comezou introducindo o tema das persoas maiores e o proceso de envellecemento seguindo nas sesións posteriores con contidos sinxelos sobre o cerebro, as neuronas, os lóbulos cerebrais,….e coa temática relativa ao Alzheimer, os síntomas, os coidados que precisan, e centrando a atención en aqueles aspectos nos que os nenos e nenas  puideran axudar a na importancia dos valores, concretamente coa empatía.

Para que experiencia resultase o mais participativa e amena posible para  os rapaces organizaronse as sesións de xeito que eles e elas puideran intervir en cada momento cunha exposición ao grupo en xeral dun power point pechando cada sesión cunha actividade lúdica onde os nenos e nenas participaban en grupos reducidos ou en gran grupo. Para finalizar a sesión realizabamos unha recapitulación do que se vira e unha pequena avaliación da sesión.

Antes de iniciar o proxecto e co obxecto de coñecer o grao de información previa que tiñan tanto os nenos e nenas como as familias pasóuselles un test inicial. Unha vez finalizado o proxecto tamén se lles pasou outro test para saber se modificaran eses coñecementos e para as familias para saber, entre outros puntos, si na casa conversaran sobre o tema ou se os nenos e nenas se sentiran angustiados co tratamento desta temática na escola así como se consideraban oportuno tratar este tema na escola. 

Rematado o proxecto teño que dicir que resultou unha experiencia moi gratificante e positiva. Dende o primeiro momento os nenos participaron activamente en todas as actividades. Cada mes esperaban con entusiasmo as novas temáticas facendo preguntas e recordando conversacións que tiveran na casa cos pais ou recordando que fixeran cos avós e avoas.

Os resultados dos test amosaron ser moi esclarecedores, gratificantes e optimistas, xa que para todos e todas resultou unha experiencia positiva, notando as familias que os nenos e nenas estaban interesados e non se sentiran angustiado co tema, considerando axeitado dito tratamento na escola.

Como broche de ouro para pechar este proxecto piloto organizouse unha sesión conxunta dos rapaces cun grupo de persoas usuarias de AGADEA no Museo Pedagóxico de Santiago, resultando unha sesión moi bonita e interesante donde as persoas maiores puideron compartir as súas experiencias na escola cos nenos e nenas de 3º de primaria.

Sinalar para finalizar que sería interesante continuar con este proxecto no vindeiro curso con outros centros educativos xa que os nenos e nenas precisan axuda para entender e comprender o que lles pasa as persoas que padecen a enfermidade do Alzheimer e así non sentir vergonza deles, non se celen nin ridiculicen e reforzalos na idea de que aínda que non os recorden nin saiban os seus nomes non deben dubidar nunca do amor que esas persoas senten por eles.»