Esta semana remantan os obradoiros de Envellecemento Activo de AGADEA ALZHEIMER, cun total de 154 asistentes, dos que 53 pertencen aos grupos de Santiago de Compostela (núcleo urbano, Lavacolla e Enfesta). O resto desenvolvéronse en A Estrada, Ribeira, Vedra e Teo.
Estes obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 60 anos, que non sufren deterioro cognitivo e que están interesadas en previr as dificultades de memoria ou outras capacidades cognitivas (linguaxe, atención, función executivas) como consecuencia do envellecemento.
A previsión é comezar un novo curso a finais de setembro, no cal case o 100% das personas usuarias deste ano van repetir, e xa temos novos alumnos inscritos agardando o inicio.
Os obradoiros son impartidos, na zona de Santiago, e de A Estrada, pola neuropsicóloga, Taida Sánchez, quen destacou o beneficio que supoñen estes talleres para os maiores: “Melloran a súa memoria, a súa capacidade comunicativa, a axilidade mental, a súa funcionalidade… “ E sen esquecernos da parte social, “xa que os nosos obradoiros non deixan de ser un espazo que favorece a interacción social, as relación veciñais e o sentimento de pertenza a un grupo: o grupo dos que deciden envellecer coidándose do mellor xeito posible”, puntualizou.
Taida Sánchez asegura, que “este recurso é tamén, unha vía de observación e de detección temperá dun posible deterioro cognitivo asociado a unha patoloxía . Segundo explica a experta, nos obradoiros lévase a cabo a estimulación cognitiva “mesturando unha metodoloxía máis convencional, como poden ser os exercicios de lapis e papel, con outras dinámicas máis innovadoras, como xogos de mesa e de lóxica-razoamento, actividades dixitais, dinámicas grupais, debates… “ e ademais “entrenamos as estratexias compensatorias para paliar os pequenos déficits que poden xurdir na vida diaria”, afirmou. O balance final é sumamente positivo xa que se observa maior facilidade respecto ao inicio do curso para executar calquera exercicio.
Por outra banda, a neuropsicóloga, Taida Sánchez resalta que as relacións sociais do grupo afianzáronse co paso do tempo: “Conseguiuse un clima de traballo excepcional; é por iso que nas clases amósanse moi participativos”, e o mellor de todo, “axúdanse uns a outros amosando interese real polos seus compañeiros e compañeiras, e por funcionar ben como unidade”, destaca.
Taida Sánchez pon en valor o privilexio que é para unha profesional traballar coas persoas maiores: “A aprendizaxe é totalmente bilateral e recíproca e intento volver isto tamén como un beneficio para eles”, nos conta. “Temos o compromiso de traballar para que os maiores teñan un papel relevante na nosa sociedade, e que mellor xeito que ‘aproveitarnos’ de toda a súa sabiduría para devolverlles todo o bo que eles nos construíron aos todos que vimos despois”, rematou.
Entre os retos de futuro de AGADEA está o de achegar os obradoiros de Envellecemento Activo a máis destinos rurais, para que todas as persoas maiores teñan as mesmas oportunidades e recursos. As expertas de AGADEA tamén apostan por manter un contacto directo e individualizado coas persoas usuarias e as súas familias para que, en caso de percibir dificultades que se escapen do que se considera un envellecemento normal, poidamos ofrecer unha valoración neuropsicolóxica ou recomendar unha cita no servizo de neuroloxía.
Nos grupos de Ribeira as clases foron impartidas pola psicóloga Alba Iglesias.