O presidente de Down Compostela, Juan Martínez, e a presidenta de AGADEA, Isabel Gey asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración mediante o cal fomentarán de forma conxunta actividades de cooperación co fin de aumentar os vínculos entre os seus membros.
Trátase así de dar resposta ás necesidades de ambos colectivos, de forma que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poidan disfrutar dos servizos e recursos dirixidos ás persoas maiores de AGADEA.
Este acordo está basado en tres eixes; as persoas usuarias, as familias e os profesionais. En canto as persoas afectadas da enfermidade de Alzhéimer ou outras demencias e Síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual, búscase contribuír á mellorar a súa saúde e benestar psicosocial. Neste senso, os asinantes do convenio, destacan a importancia da detección precoz de demencias neurodexenerativas e posterior derivación aos servizos de estimulación terapéutica de AGADEA.
Por outra banda o convenio fai fincapé na necesidade de proporcionar un tempo de respiro ás familias coidadoras coa pretensión de reducir o estrés e a carga derivados do coidado. Contempla tamén o asesoramento individualizado e derivación a persoal especializado.
Outro ámbito de actuación destacado é o referido aos profesionais. “Buscamos unir os coñecementos de ambas asociacións para mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down (ou outra DI) e deterioro cognitivo ou demencia”, aseguran os presidentes de ambas entidades.