CONSULTA AQUÍ AS BASES DO PREMIO SIMBAD
O secretario xeral de Política Ligüística, Valentín García, xunto o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro e a presidenta de AGADEA ALZHEIMER presentaron hoxe en Santiago de Compostela a II edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, ante un auditorio formado literatos e familias da entidade.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou «a importancia de fomentar a literatura en lingua galega como un medio para dar visibilidade ás doenzas que implican unha deterioración cognitiva ou perda da memoria, como é o caso do alzheimer».
Ao mesmo tempo considerou que este proxecto “vai máis alá do cultural, é unha categoría social xa que profundiza e pon sobre a mesa unha cuestión que forma parte da vida”.
Pola súa banda o escritor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro, constatou que hai moito interese neste premio e apuntou que “o importante dos premios e que teñan continuidade”
Precisamente este certame enraíza no xénero infantil a través da obra Chamáde Simbad, de Francisco Castro, quen é o padriño de honra deste premio.
A presidenta de AGADEA, Isabel Gey explicou a importancia de ter textos en galego cos que poder explicarlle á cativada “como esa persoa que coñecía xa non é a de sempre”.
Lembramos que este certame nace a partir da idea da escritora Ánxela Gracián, quen considera que “a palabra literaria é un dos modos máis directos e claros de establecer uns vínculos necesarios entre nenez e vellez, creando complicidades comprensivas que axuden aos doentes a sobrelevar a enfermidade e aos nenos e nenas a comprendela”.
Gañadora da I Edición
A escritora Raquel Castro resultou gañadora da primeira edición coa obra” Sobremesa sobre Versos” na que destaca “a sutilidade e eficacia no tratamento do tema do Alzhéimer. Así mesmo, o xurado puxo en valor a calidade dun segundo texto titulado ‘Cando o avó esqueceu o seu nome’, ao que se lle outorgou un accésit, e que recaeu na escritora santiaguesa, Rosalía Morlán.
Bases do premio 2023
O prazo de presentación de solicitudes iniciase hoxe 26 de xaneiro e finalizará o día 1 de xullo de 2023. A este certame poderanse presentar todos aqueles textos orixinais e inéditos pertencentes a calquera dos xéneros propios da literatura infantil dende novela, poesía, teatro, álbum ilustrado, banda deseñada e novela gráfica, escritos en lingua galega.
O xurado, formado por profesionais do eido literario, darán a coñecer o seu veredito en setembro, con motivo do Mes do Alzhéimer. O galardón está dotado con 3000 €.
AGADEA anunciou que comprará 100 exemplares, para a axuda á edición, que queda aberta a calquera editorial.
AGADEA conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, así como co apoio das respectiva concellerías de Servizos Sociais e Educación dos concellos de Santiago de Compostela, A Estrada, Ribeira, Vedra, Trazo, Boiro, Cuntis e Teo, poboacións onde AGADEA presta os seus servizos.