A estudiante de Matemáticas, Catalina Lavandeira, iniciou o Voluntariado en AGADEA no programa de Acompañamento. Hoxe nos fixo chegar esta carta, que reproducimos íntegramente e, onde pon de manifesto a importancia das relacións interxeneracionais. Ademais explica o que lle aportou o seu paso pola nosa entidade.

“Moitas veces non somos conscientes da sorte que temos coas persoas que nos rodean, de podernos disfrutar mutuamente e de poder aprender os uns dos outros. Ás veces pensamos que as persoas máis afíns a nós son as nosas coetáneas, ou as que comparten as nosas aficións. Porén, este ano comprobei que non sempre é así.

Hai un ano, tras meses observando o deterioro tanto físico como cognitivo do meu avó, decidín poñerme en contacto con Agadea para iniciar un voluntariado. Durante os últimos meses participei en actividades de acompañamento, sensibilización e estimulación dos usuarios, entre outras. Tiven o pracer de compartir momentos marabillosos con moitas persoas de diferentes centros e programas, e de todas elas aprendín algo.

Cada vez hai menos relación entre as persoas das diferentes xeracións. É certo que o desenvolvemento económico da sociedade permitiu a independencia dos xoves, pero tamén conlevou o distanciamento destes dos seus parentes maiores. Moitas persoas diagnosticadas con Alzheimer fan referencia constantemente ao seu medo por que a súa familia se esqueza de recollelas. Maruxa é unha persoa extraordinaria á que cada luns acompaño dende a súa casa ao centro do Ensanche. Dende que saímos polo portal da súa vivenda, e nos 15 minutos que camiñamos xuntas, sen soltarnos, Maruxa me mira con admiración repetindo o boa que son. Con todo, a súa mirada reflexa certa tristura e incertidume. Non hai día que non pregunte quen a vai ir buscar, e se esa persoa sabe chegar ao centro. Coma ela, outros tantos. É moi difícil ver como as persoas que deron a súa vida por nós durante tanto tempo, chegado o momento no que eles precisan da nosa axuda, sinten medo a que non esteamos á altura, a quedar sós.

Por iso un dos proxectos que máis me chamou a atención de Agadea foron os seus programas de formación e axuda aos coidadores. Como ocorre en todas as etapas da vida, a educación é a mellor ferramenta para vencer o descoñemento e os medos ás novas situacións. O deterioro que sofren as persoas maiores, especialmente aquelas con demencia, ten moita repercusión na xente que as rodea. Por unha banda, son persoas que necesitan coidados e asistencia case constantemente. Mais pola outra, é necesario ensinar aos coidadores a tratar cos seus familiares da mellor forma posible, así como proporcionarlles axuda psicolóxica ou espazos seguros para compartir dúbidas ou experiencias. Se conseguimos acadar ese equilibrio entre coidador e persoa coidada, reducirase o índice de abandono das persoas maiores. Facer ver á sociedade que as persoas maiores, incluso enfermas, non son unha carga, e que aínda teñen moito por ensinar, por aprender, e por disfrutar.

Nesta asociación non só se traballa con persoas diagnosticadas e as súas familias, senón que tamén constitúe unha rede de centros de prevención, con actividades como xerontoximnasia, risoterapia, e moitas outras que axudan ás persoas maiores a manterse activas e a socializar. Persoalmente, nestes meses de voluntariado tiven a sorte de acompañar en varias ocasións a estes usuarios. Nunha delas asistimos como público ao programa “Luar”. Alí disfrutamos todos coma nenos, e foi unha auténtica lección de xovialidade e de enerxía, posto que estiveron bailando e participando ata pasada a unha da madrugada. Cando voltabamos no autobús, todos conversaban contentos e achegábanse a min para dicirme, cos ollos cheos de ilusión, que deberiamos facer máis saídas nocturnas e que o pasaran incriblemente ben. Esta experiencia ocorreu nos meus primeiros tempos como voluntaria, e aí aprendín que a vida sorprende, que a idade é só un número, e que

non hai nada máis bonito que compartir momentos con persoas que teñen ganas de disfrutar e de rir.

A última actividade que realicei con eles este curso foi unha excursión a Redondela. Cerca de cen persoas asistiron e nos regalaron un día cheo de bos momentos. Aproveitamos para visitar a Illa de San Simón, a onde chegamos en barco. No traxecto, todos contentos dirixíanse aos membros de Agadea para que lles fixesen fotos e poder mandalas ás súas familias, ao igual que compartían vivencias e cantaban cancións coñecidas por todos eles. Á hora da comida tiven o pracer de compartir mesa cun grupo de mulleres do centro das Cancelas, que se emocionaban ao “escoitar a unha persoa tan nova falar con ilusión das persoas maiores”, dicía Lina. Sorprendidas por ver a unha muller de 19 anos disfrutando ao seu lado, facíanme preguntas e non tardaban en esperarme ou chamarme se vían que me quedaba atrás na fila mentres subíamos a visitar un castelo. É realmente gratificante sentirse tan arroupada por elas, ás que respecto e admiro profundamente. Escoitalas narrar as súas vivencias, as súas historias de superación e o seu percorrido ata chegar a ser mulleres felices e independentes. Unha delas derramaba algunha que outra bágoa ao analizar o momento e o lugar no que se atopaba, sentimento que decidiu expresar como que “non cabía nela da felicidade”. E aí outra aprendizaxe: os xestos que poden parecer menos significativos ou máis cotiás para moitos de nós, poden significar un mundo para unha persoa que viviu case toda a súa vida á merced dos demais.

Estas persoas teñen unha oportunidade para facer moitas cousas que cando traballaban, coidaban das súas familias, etc. non se podían permitir. Todas estas actividades, e máis que quedan por mencionar, fanse posibles en primeiro lugar grazas a Agadea, que as guía e as axuda; pero sobre todo grazas a elas mesmas, que seguen loitando por levar unha vida digna e chea de momentos inesquecibles, pase o que pase. Son persoas que te dan unha lección cunha mirada, cun xesto ou cun sorriso. Que te demostran que merecen disfrutar do tempo e das persoas, e que te ensinan a querer da forma máis pura e sinxela.

Por todo isto, a aqueles cos que tiven a sorte de cruzarme este ano quero agradecerlles as risas, as bágoas de emoción, a aprendizaxe, e as ganas coas que me deixan de voltar a velos en setembro»

Con moito, moito agarimo. De Catalina Lavandeira