O concello de Trazo contará dende o 19 de xullo cun servizo de Estimulación Terapéutica, dirixido a persoas con deterioro cognitivo.
Ata 22 persoas pódense beneficiar deste servizo, que nace froito da cooperación entre a Asociación Galega de Axuda aso Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA) e a concellería de Servicios Sociais de Trazo e que permitirá frear a desorientación e déficit cognitivo que acarrea esta doenza neurolóxica. Con este fin aplicaranse técnicas de psicoestimulación cognitiva, xerontoximnasia, así como actividades lúcidas e socializadoras que favorecen a independencia e autoestima dos usuarios e usuarias. A súa vez conseguen que as capacidades non danadas se manteñan o maior tempo posible. Tamén se ofrece asesoramento ás familias.
Estas terapias serán impartidas por unha técnica de Agadea os luns e os mércores, entre as 16.00 e as 20.00 horas no Local de Usos Múltiples do Concello de Trazo (Viaño Pequeno). Antes de participar no programa os profesionais de Agadea levarán a cabo unha valoración da persoa para distinguir o seu grao de afectación. A partir do mes de setembro este servizo contará con transporte para facilitar a participación de todos os veciños e veciñas do concello.
Agadea Alzhéimer conta cunha ampla experiencia na prestación deste servizo con centros en Santiago, A Estrada, Vedra, Ribeira e cun Centro de día en Ribeira e outro na Estrada.