AGADEA reabriu os Centros de día de Salgueiriños-Santiago, A Estrada e Ribeira, o pasado día 20 de xullo. Tamén os Servizos de Estimulación Terapéutica de Ribeira, A Estrada e do Ensanche, en Santiago. A crise sanitaria mundial da COVID19 obrigounos a pechar as nosas portas para evitar calquera tipo de contaxio. Durante este tempo as profesionais da entidade seguiron en contacto coas familias, tanto telefónico, como por correo electrónico e mesmo, porta a porta, cando así se precisaba. No último mes, e xa co permiso da Xunta de Galicia, realizouse servizos a domicilio e atención individualizada nos centros.
Agora, abrimos os nosos servizos despois de cumprir todos os requisitos das autoridades: realización de cursos de adaptación á nova realidade, elaboración dun protocolo de actuación adaptada a cada un dos centros e posesión dos EPIS imprescindibles para levar a cabo a nosa función con total seguridade, tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias e as súas familias. Os centros permanecerán abertos durante o verán e seguimos traballando para a reapertura de Boiro, Teo e Vedra.